Federico García Lorca

BIOGRAFÍA

Federico García Lorca naceu o 5 de xuño de 1898 no concello de Fuente Vaqueros, Granada (España).Comezou a estudar Dereito, aínda que abandonou a Facultade de Granada para instalarse na Residencia de Estudiantes de Madrid (1918–1928), onde coñeceu, ademais de a outros intelectuais e poetas como Luis Buñuel ou Rafael Alberti,  a Salvador Dalí, a quen o uniría un importante vínculo persoal e artístico; pasado un tempo, regresou á Universidade de Granada, onde se licenciou. Non obstante, non chegou a exercer a avogacía, posto que a súa vocación era a literatura.

Residiu durante un ano en Nova Iorque; posteriormente visitou Cuba e pasou varios meses na Arxentina, viaxes todas elas de gran influencia na súa vida e obra.
Durante a Segunda República, Federico participou nun período de intensa actividade cultural, séndolle encargada a co-dirección da Compañía Estatal de teatro La Barraca.
Pouco despois de comezar a Guerra Civil española, o 17 de agosto do 1936, é detido e conducido ao Goberno Civil de Granada. Pese ás xestións realizadas por amigos como Luis

Rosales ou Manuel de Falla; o 19 de agosto é fusilado no Barranco del Viznar, xunta un numeroso grupo de “elementos indesexables”. As verdadeiras circunstancias da súa morte seguen sen estar completamente esclarecidas, pero sábese que foi acusado de “ser espía dos rusos, estar en contacto con estes por radio, ter sido secretario de Fernando de los Ríos e ser homosexual”

OBRA

Federico García Lorca foi poeta, dramaturgo, prosista e destacou, así mesmo, noutras moitas actividades artísticas. Adscrito á chamada Generación del 27 é, sen dúbida, o poeta de maior influencia, popularidade e internacionalidade da literatura española do século XX.

Os temas centrais e recorrentes da súa obra son o amor, o desexo, a paixón e a morte violenta, aspectos que, en gran medida, marcaron a súa propia vida. Entre as súas numerosas obras poéticas destacan Romancero gitano (1924-1927), Poeta en Nueva York (1929-1930), Llanto por Ignacio Sánchez Mejías (1935), Seis poemas galegos (1935) e El Diván de Tamarit (1936); en teatro, Bodas de sangre (1933), Yerma (1934 ) e La casa de Bernarda Alba (1936).

CAUSA

Foi notoria a defensa que Lorca fixo dos máis necesitados e dos oprimidos, a súa colaboración co Ministerio de Cultura republicano, o seu rexeitamento de todo intento de instauración do feudalismo terratenente, etc. En definitiva, un personaxe incómodo para a dereita do momento.

En outubro do 1936, o escritor británico H.G.Wells, presidente do PEN CLUB de Londres, sabedor dos rumores sobre o seu fusilamento, remitiu un telegrama ás autoridades franquistas solicitando noticias sobre Lorca, demanda que non foi respondida. Fora asasinado no barranco de Viznar na madrugada do 19 de agosto.
No 1937, O PEN CLUB rendeulle homenaxe en París e manifestou a súa consternación ao pobo de España polo seu asasinato. A participación de escritores españois en actividades desta institución foi totalmente prohibida durante o franquismo.