Breve Historia do PEN de Galicia

O primeiro intento de crear unha sección galega do PEN Internacional (fundado pola escritora inglesa Amy Dawson Scott en Londres, 1921) tivo lugar o 14 de abril de 1977 nunha xuntanza, na Facultade de Filoloxía en Santiago, convocada por Bernardino Graña e Antón Santamarina, á que acudiron 47 escritoras e escritores. O 25 de xullo dese mesmo ano, quedou constituida a Xunta Directiva (Eduardo Blanco-Amor, presidente, Bernardino Graña, vicepresidente, Antón Santamarina, secretario e Salvador García-Bodaño, tesoureiro), aprobáronse os estatutos e solicitouse o ingreso no 42º Congreso Internacional, celebrado en decembro do devandito ano, en Sidney, Australia. A entrada foi apoiada polo PEN Catalá, pero por defecto de forma, non foi admitida pola Asemblea Xeral.

O 15 de febreiro de 1989, por iniciativa de Carlos Casares, Alfredo Conde e Luís González Tosar, celébrase en Vigo unha reunión na que 27 autoras e autores en lingua galega, decidiron cursar a Londres unha segunda petición de creación do PEN Clube de Galicia. Acordouse que Úrsula Heinze e Luís González Tosar, acudisen en calidade de observadores, ao 53º Congreso Internacional que se celebrou en Maastritch (Holanda), do 7 ao 12 de maio.  O día 10, a proposta de integración da literatura galega foi debatida pola Asemblea e resultou admitida por unanimidade. O 9 de marzo de 1990, constituiuse a Asociación Cultural PEN Clube de Galicia, sen fines de lucro e conforme aos Estatutos aprobados o 13 de decembro dese mesmo ano, erixíndose unha comisión xestora integrada por: Alfredo Conde (presidente), Luís González Tosar (secretario), Modesto Hermida (tesoureiro) e os vogais, Carlos Casares, Úrsula Heinze e Helena Villar.  

A partir da xestora, a institución foi presidida por: Alfredo Conde (1990-1991), Úrsula Heinze (1991-1996) e Carlos Casares (1996-1999). Na actualidade, o Centro PEN de Galicia conta con 92 membros e está representado por: Luís González Tosar (presidente), Úrsula Heinze (Vicepresidenta), Luciano Rodríguez (Secretario), Bieito Iglesias (Tesoureiro), Armando Requeixo, Marilar Aleixandre, Inma López Silva, Manuel Guede, Miguel Anxo Fernández Fernández, Xosé Ramón Pena, Luis Menéndez, Director: Xabier Castro Martínez.

Os fins máis salientables do PEN galego son a defensa da liberdade de expresión e as outras obrigas que figuran na Carta do PEN Internacional e maila promoción interna e externa da nosa lingua e da nosa literatura.No ámbito do PEN Internacional, presidido na actualidade pola mexicana Jennifer Clement, integrado por 150 centros en 106 países do mundo e que agrupa a uns 30.000 escritoras e escritores, o PEN de Galicia  organizou, con grande éxito, o 60º Congreso Mundial, celebrado en Santiago de Compostela, do 6 ao 12 de setembro de 1993 e ven colaborando coa UNESCO, desde 2001, na Celebración Mundial da Poesía / World Poetry Day (21 de marzo). O PEN de Galicia foi (en Santiago de Compostela e Ourense, do 2 ao 6 de xullo de 2010) anfitrión da II Conferencia da Fundación Iberoamericana do PEN e sede, asimesmo,  do Festival Libera a Palabra / Free the Word, no marco da Bienal Literaria, organizada desde 2006. Os escritores galegos do PEN participan, anualmente, nos Congresos internacionais e toman parte tamén nas sesións de traballo de tres Comités: Tradución e Dereitos Lingüísticos, Escritores Presos e da Paz. En 1997, o noso Centro participou na redacción da Declaración de Dereitos Lingüísticos e 

 

Tradución, promovida polo PEN Internacional e maila UNESCO, actualizada en abril de 2011 (Manifesto de Girona) e aprobada en Belgrado (setembro de 2011).

No eido da promoción e difusión da literatura propia, o PEN de Galicia convoca, desde 2002, o Premio de Poesía “Novacaixagalicia”, agora chamado Premio de Poesía “Afundación”, editando a Colección “Arte de Trobar”, da que se levan publicados 23 títulos e, desde 2003, instituiu o Premio “Voz de Liberdade”, destinado a galardoar a autoras e autores que teñan destacado pola súa defensa da liberdade de expresión e de opinión.

En 1996, a instancias de Carlos Casares, daquela presidente do PEN galego e de Darío Villanueva, entón Reitor da USC, créanse os Premios “Rosalía de Castro”, únicos de carácter literario que levan o nome da escritora símbolo de Galicia. Concebidos para galardoar desde as nosas letras, a destacadas autoras e autores en castelán, portugués, catalán e éuskaro. Organizados cada dous anos, estes premios, que teñen acadado grande renome e prestixio, fóronlle concedidos a grandes figuras da literatura: Jose Saramago, Gonzalo Torrente Ballester, Bernardo Atxaga, Joan Perucho, Manuel Vázquez Montalbán, Juan Mari Lekuona, Ernesto Sabato, Sophia de Mello, Pere Gimferrer, José Ángel Valente, Francisco Brines, Carme Riera, Rubem Fonseca, Isabel Allende, Agustina Bessa-Luís, Antonio Gamoneda, Álvaro Mutis, Mia Couto, Francesc Parcerisas e outros moitos que nos engrandecen, actuando como embaixadores da nosa nación literaria.